Manifesto en apoio a Diego Lores

Chegou o día. O 17 de xaneiro de 2017 xulgan a Diego por unha suposta agresión a un policía municipal con resultado de lesións. A pena a que se enfronta é de 3 anos e medio de cárcere, xunto a unha responsabilidade civil de 30.355,84 euros.

O feito que se xulga ocorreu hai dous anos, cando parte da veciñanza do barrio vigués de Coia co apoio de xentes vidas doutros barrios, botouse á rúa para protestar por outro (xa ían varios) proxecto megalómano e esperpéntico promovido dende o Concello de Vigo: a colocación dun barco de alto valor histórico nun rotonda do barrio.

Esta actuación non só é paradigma do pailanismo urbanístico que se está a estender pola xeografía viguesa, senón que é -e así foi percibida pola veciñanza- un insulto, unha provocación en toda regra. Non hai cartos para pagar as axudas de emerxencia, alugueiros ou recibos da luz da cidadanía empobrecida, pero si para instalar un barco nunha rotonda.

Tendo sempre por bandeira a nonviolencia, a resistencia pasiva e a desobediencia pacífica, paralizáronse as obras. As forzas de orde público interviñeron, e comezaron a chegar as multas e as detencións: tras Xurxo, foi a quenda a Diego. Agora, dous anos despois, dará comezo o seu xuízo.

Na instrución do procedemento foi tal o cúmulo de contradicións e incongruencias por parte da acusación particular, que a propia fiscalía, en dúas ocasións, rexeita formar parte do proceso. Deste xeito, o día 17 de xaneiro non haberá acusación pública (o ministerio fiscal non aprecia indicios de delito, pese a todo o manifestado dende o goberno municipal), só acusación particular: a Policía Local.

O que nós berrabamos hai dous anos, seguímolo berrando agora: as nosas armas son a razón, as arelas de xustiza social, a utopía dun mundo mellor. Non precisamos nin da forza nin da violencia.

É berrámolo forte e claro. Sentímonos moi orgullosos de Diego, unha máis de tantas persoas que día a día nos demostran como non sae gratis saírse do rabaño. A denuncia das inxustizas deste sistema, a contestación social, a protesta, son perseguidas e criminalizadas, pese a que o noso ordenamento xurídico diga o contrario. E Diego sempre foi unha das caras máis visibles da loita da rotonda de Coia, polo que creemos que o seu procesamento non é casual. Pretenden que pague por toda a veciñanza, para que quede claro que sucede coas voces disonantes.

Por todo isto, As abaixo asinantes manifestamos o noso apoio a Diego ante o proceso que está a piques de comenzar, solicitando a súa libre absolución. Sabemos da súa inocencia, e afirmamos a nosa decidida aposta pola desobediencia pacífica e a nonviolencia como ferramentas de traballo na loita por unha sociedade baseada na xustiza social e a igualdade.

Vigo, 4 de decembro de 2016

Asemblea Aberta de Coia

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.