Comunicado de reformulación do colectivo Abordaxe!

No ano 2008 un feixe de individualidades anarquistas de distintos puntos da Galiza, xa ligadas por anteriores proxectos, relacións de afinidade e por unha coordinación informal, sentimos a necesidade de dotarnos de órganos de expresión e tamén de xerar un espazo de referencia para a comunicación no que as distintas sensibilidades antiautoritarias puidesen construír, desenvolver o seu discurso e confrontar ideas, ademais de facilitar a súa coordinación mediante un labor informativo e visibilizar a nivel internacional tanto as loitas antagonistas que se desenvolven na Galiza, como dar a coñecer nestas latitudes distintas realidades e contextos de loita contra a dominación noutros territorios do mundo. Deste modo levamos a cabo a creación dunha revista en papel, complementada por un blogue de carácter máis dinámico e periódico que axudasen a encher ese baleiro. A estas ferramentas sumamos no ano 2015 un boletín mensual en formato impreso co que plasmar de forma máis eficiente nas rúas a nosa actividade, distribuído en distintos centros de estudo e traballo e porsuposto tamén nos distintos espazos libertarios do terruño. Este boletín publicaría a súa última edición en maio de 2017, tras 19 números.

Hoxe, despois de 9 anos de comunicación virtual e impresa ininterrompida, cos seus acertos e erros, tomamos a decisión de virar o noso temón cara outros horizontes, se cadra máis ambiciosos, e desde logo máis enriquecedores para as persoas que facemos parte de Abordaxe!. Así é como tomamos a decisión de salientar nosa faceta editorial (que xa viñamos exercendo coa publicación da compilación dos textos “Arredismo e Anarquia” e a primeira edición en galego de “Memorias de Liberdade”) e suspender o traballo contrainformativo do blogue e do boletín. Neste punto, nun clima de mudanzas e debates internos no seo do colectivo, sentimos a necesidade de deternos e de reformular o proxecto como editorial, mantendo tamén a nosa revista como pedra angular na que como xa dixemos noutras ocasións, é onde mellor e con máis saña destripamos o cadáver desta sociedade autoritaria e onde máis alegremente pasamos pola quilla os principios que a sustentan.

O certo é que este xiro responde a novos desafíos. Á vontade de continúar aprendendo e fornecéndonos de ferramentas teórico-prácticas que axuden a poñer en evidencia as distintas operacións especiais dos sistemas autoritarios, á necesidade de confrontar e xerar ideas e debates-chave nunha realidade na que somos presas da democraticide e o mercado das opinións, e porsuposto á intención de investigar e recuperar a memoria respecto da loita contra a dominación e dos tecidos comunitarios e autoxestionarios que ligaron este e outros territorios durante longo tempo asegurando a súa supervivencia. Porque ao igual que a Orde da dominación ten unha historia que consideramos importante examinar co fin de obter unha maior comprensión de como enfrontala, tamén a loita contra esta Orde ten unha traxectoria que representa un arsenal do que non estamos dispostas a renunciar e que consideramos moi útil no contexto da guerra social aquí e agora.

Somos conscientes e estamos seguras das virtudes e as dificultades de todo este apaixonante reto que pretendemos levar a cabo a través do noso traballo editorial e das ferramentas que este pode achegar. Tamén somos conscientes e valoramos o baleiro que pode deixar a falta dunha ferramenta informativa específicamente anarquista a nivel galego, especialmente no aspecto da coordinación e da difusión das accións, comunicados e convocatorias. Pero tamén é certo que os tempos que vivimos non son os mesmos que cando Abordaxe! naceu para encher ese baleiro. Temos claro que afortunadamente hoxe en día hai máis xente e máis vontade para realizar este tipo de traballo que cando nós comezamos, e intuímos que a curto ou medio prazo haberá compañeiras con intención e disposición de afrontar esta tarefa. Ademais, sendo honestas, consideramos que a deriva das “redes sociais” e a lóxica de determinados comportamentos propios da sociedade do espectáculo, invaden aos colectivos anticapitalistas e parte dos libertarios, e isto non facilita moito a tarefa de desenvolver un proxecto de comunicación desde a nosa perspectiva, e esta batalla, nestes momentos, non queremos librala desde unha barricada “contrainformativa”, á marxe do necesaria, válida e respectable que nos poida parecer esa formulación, que é a que nos trouxo ata aquí tras case unha década de existencia.

Nas vindeiras datas o noso blogue mudará o seu aspecto e prestacións para facilitar unha experiencia de navegación máis axeitada ás características da súa nova función. Aproveitamos tamén para anunciar que xa estamos argallando novas edicións e o número 7 da nosa revista, así como distintas actividades para financialas, e que estamos abertas a toda achega económica e solidaria, tendo en conta que partimos de cero € nas nosas arcas. Comezamos unha nova etapa embarcándonos nesta travesía coa convicción de transitar unha ruta que nos permita vivir contra vento e mareas, asaltando os buques dos poderosos, e convidamos a tódolos espíritos aventureiros, rebeldes e subversivos a navegar connosco.

Vémonos nos mares revoltos!

Abordaxe!

Esta entrada foi publicada en Eventos. Garda a ligazón permanente.