“Os lavadoiros de Coia. Repaso polos 6 lavadoiros situados nos límites da Coia tradicional”

Nós afirmamos que a magnificencia do mundo enriqueceuse cunha nova beleza: a beleza da velocidade. Un automóbil de carreiras…é máis belo que a Vitoria de Samotracia”

Extracto do Manifesto Futurista de Marinetti (1909)

Unha das principais diferencias entre as sociedades urbanas e as tradicionais (sexan do signo que sexan), é a distinta percepción que teñen do tempo. Inevitablemente, esta diferencia trasladarase ao espazo que constrúe cada sociedade, ao tecido físico que cada unha delas fía. Un dos obxectivos do urbanismo contemporáneo é diminuír tempos: trazamos vías que unen os lugares de traballo, de ocio, de consumo, configurando as cidades como un aglomerado de liñas de comunicación ao redor das cales se encaixan o resto das dotacións.

Deste xeito, o espazo perde o seu valor simbólico. A actual apreciación do espazo como territorio cunha compoñente netamente economicista, unida a nosa priorización do tempo sobre o espazo, xera unha carencia de referentes simbólicos e significativos no noso día a día. Recuperar o sentido histórico dos espazos sociais comporta recuperar vínculos co ambiente de vida cotiá e facer significativo o espazo como algo máis que o territorio de produción e reprodución social, permitindo unha relación co noso entorno máis orgánica e humana.

Pensamos que a recuperación do patrimonio cultural nas nosas cidades vai moito máis alá da concepción física e material do concepto. Non se trata só de conservar “materialidades”, senón tamén de preservar significados e símbolos. Calquera sociedade necesita un símbolo recoñecible na súa paisaxe, xa sexa unha mámoa para as sociedades neolíticas, unha igrexa para as rurais tradicionais, ou un centro comercial para as contemporáneas de cariz consumista.

A arquitectura popular non é unha excepción. No caso dos lavadoiros, a nosa visión ten que ir máis alá da importancia funcional que tiveron ata ben entrado o século XX, onde as lavadoras eran máquinas de luxo que poucas familias podían ter.

Nunha sociedade cuxas relacións estaban segregadas en razón do xénero -o rol do home no exterior da casa, na fábrica ou na taberna, dono dos espazos de poder, mentres que o papel da muller ficaba no interior do fogar, responsable dos coidados da familia-, o lavadoiro convertíase no espazo de encontro da muller. Deste xeito, a percepción conceptual e simbólica sería moi diferente para as mulleres.

Se desmontamos as diferentes capas que conforman o que actualmente é o barrio vigués de Coia, baixo a última capa -constituída polo tecido urbano xurdido dos anos 70- aínda albiscamos retrincos do que foi a Coia tradicional, un territorio cunha forte compoñente rural.

Imos achegarnos aos lavadoiros tradicionais que aínda se conservan na Coia actual. Algúns deles esquecidos, outros rodeados de construcións contemporáneas que desfiguran a súa aparencia orixinal, e outros que seguen cumprindo a súa función, aínda que de maneira testemuñal.

O espazo xeográfico ao que nos imos referir é sempre o da Coia tradicional ou histórica, entendendo por esta o espazo descrito en documentación (apeos eclesiásticos do século XVI, documentación catastral histórica, etc).

Se comezáramos a descrición das súas lindes polo leste, a Coia histórica confrontaría coa vila de Vigo e coa freguesía de Santo Tomé de Freixeiro.

A divisoria partiría dende o areal de Coia, aproximadamente da zona onde hoxe se empraza o establecemento hoteleiro ao sur do Pazo de Congresos de Vigo (na prolongación da rúa Juan Ramón Jiménez), e subindo por las escaleiras de Peniche chegaría ata a actual López Mora (antigo camiño de Vigo a Baiona). Seguiría o trazado desta vía urbana, ata enlazar á confluencia coa avenida das Camelias (antigo lugar de Ganoi). De aquí, seguiría cara ao sueste (polo Calexón dos Anxos?, por González Sierra?) ata empalmar co camiño Cataboi, e continuaría pola zona da Espedrigada ata chegar á ponte medieval de Balaídos.

O límite sur da Coia histórica iría dende a vella ponte de Balaídos (tamén coñecida como Ponte da Veiga, ou –dun xeito erróneo- ponte romana de Balaídos) seguindo o curso do río Lagares, ata a ponte que comunicaba San Andrés de Comesaña con Coia, na estrada real de Vigo a Baiona.

Dende esta ponte, a linde xiraría cara ao norte seguindo a estrada real Vigo-Baiona, pola actual rúa A Cañiza, ata o extremo sur do camiño dos Pelaios diante do cemiterio de Bouzas. Neste punto xiraría cara ao oeste, paralelo ao muro de peche setentrional do camposanto, en dirección á rúa Teixugueiras. Ao chegar a esta nova vía urbana, xiraríamos cara ao norte, seguindo o seu trazado ata conectar co camiño da Pardaíña. No entorno do cruce dese camiño co do Cruceiro, nos desviaríamos cara ao noroeste, ata conectar co camiño da Veiguiña. Dende aquí, a través do lugar de Carregal (actualmente pertencente a Alcabre) seguiríamos descendendo ata conectar co camiño de Roade, desembocando no mar no pequeno saínte do Fiunchal.

Coia, setembro 2017

Espazo Alicerces

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.