Interludio Contestatario S.O.S. Manoel Antonio

Á atención da RAG e dos señores M. Bragado, X. L. Axeitos, X. R. Pena e X. L. Méndez Ferrín

A todo o pobo galego, con especial dedicación a Silvia, Leopardo e Adán

«Predomina, por desdicha, en todo lo que pretende ser nuevo la influencia de lo viejo»

Ricardo Mella· Setembro ·1912

«Ler diarios n-iste tempo é o mesmo que ler capítolos d’unha novela que se titolase

Hestoria de catro canallas e vinte millóns d’imbéciles»

· Manoel Antonio· Outubro· 1923

Fascinadas pola mistificación que o profesor Xosé Luís Axeitos difunde na súa biografía Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía (Xerais, 2017) e máis polo xeito que ten de enunciala [na imaxe Sermos Galiza, 27/07/2017], saltamos do ferrocarril co que iamos con Ricardo Mella Cea [RM] cara a Andalucía e embarcamos con Manoel Antonio [MA] nunha singradura de «Vigo» a «la mar» [de historias].

As Epifanías Libertarias naceron tralo achado en Portugalete [Bilbao, 17 de maio de 2017] do expediente académico de Manoel Antonio na «Escuela de Náutica de Vigo» e responden á vontade de pór a libre disposición pública documentación histórica que durante anos permaneceu exiliada ou desaparecida. Por esta razón, non nós é posible continuar coa topografía vital de Ricardo Mella sen ocuparnos antes da “biografía de Manuel Antonio” que divulga o Sr. Axeitos. Desta sorte, o galimatías que encerra Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía desviou a nosa atención e deu lugar a este INTERLUDIO CONTESTATARIO S. O. S MANOEL ANTONIO para solicitar a verdadeira edición da OBRA COMPLETA de Manoel Antonio (Rianxo, 1900-1930) amais da CDL (Catalogación, Dixitalización e Liberación extensiva á totalidade do patrimonio documental e cultural galego, dado que -entre outras cousas- a falta de interese no mantemento e protección de bibliotecas, hemerotecas e arquivos é a que favorece que a historia sexa manipulada.

​Hai dous meses, mediante o Vol. 2 destas Epifanías, declaramos a presumible relación entre Manoel Antonio, Pepe Villaverde e Ricardo Mella Cea, ao tempo que  confesabamos descoñecer o contido da biografía do Sr. Axeitos. Hoxe, coa obra lida, denunciamos que Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, se ben goza do privilexio de ser a “biografía máis documentada” do mariño e literato de Rianxo, constitúe unha obra que presenta eivas, erros e clamorosas ausencias. Así pois, reprobamos a manipulación biográfica que divulga Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía e censuramos a apropiación de textos inéditos de MA [até agora Diarios de Navegación e cartas] por parte do profesor Xosé Luís Axeitos, co beneplácito da editorial Xerais e mais da Real Academia Galega [RAG], institución que delegou no Sr. Axeitos a edición da Obra Completa de MA e permitiu deixar a OBRA INCOMPLETA.

«No hay mal tan malo de que no resulte algo bueno». A cantidade de preguntas que espertou en nós a algarabía informativa que brinda o profesor Axeitos, conduciunos á descuberta do curioso tecido sociocultural e deportivo en que florece Emilia Docet Ríos (miss Vigo, miss Galicia e miss España 1933) e canda ela: a familia Mella e a «Sociedad Vértice».

Vigo, 13 de outubro 2017

Sor Presa

Esta entrada foi publicada en Materiais. Garda a ligazón permanente.